Como continuación á xornada técnica celebrada o pasado 12 de maio, o Departamento de Innovación e Competitividade da Cámara de Comercio de Ferrol e o centro tecnolóxico AIMEN organizan, para o vindeiro venres 12 de xuño en horario de mañá, unha visita ás instalacións que este centro ten en Porriño (Pontevedra).
O obxectivo principal desta actividade, que ten carácter gratuito, é o de coñecer de primeira man a aplicación práctica das técnicas máis avanzadas de unión e control por ensaios non destrutivos (END), con explicacións simultáneas dos responsables de cada unha das áreas tecnolóxicas dun centro que na actualidade é referencia europea en materiais, tecnoloxías de unión e técnicas de END.
Ademais, as empresas participantes poderán concertar unha breve entrevista para recibir un asesoramento personalizado sobre todas aquelas necesidades tecnolóxicas que teñan nesta materia.
Co obxectivo de acadar unha maior rendibilidade á xornada de traballo, establécese un grupo de visita limitado a 14 empresas. As compañias interesadas deberán remitir o boletín de inscrición que se achega ao seguinte enderezo electrónico: innovacion@camaraferrol.org. O grupo completarase segundo a orde de recepción das inscricións, establecéndose unha lista de agarda para a solicitude 15 e posteriores.







